Negocio menstrual:
como facer diñeiro cada mes
(para os demais)
Mes tras mes, miles de millóns de persoas menstruantes sangran. Na maioría dos casos, isto supón unha discriminación baseada na desinformación e nos prexuízos que aínda arrodean un proceso tan natural, mais agora tamén supón a creación dun negocio con mútiples arestas. Os úteros destas persoas son a chave dun negocio que prima o beneficio por enriba da sustentabilidade, a rendibilidade por enriba da saúde pública, o lucro por enriba da privacidade e a intimidade e a ganancia por enriba da innovación e a investigación científica.
Os produtos de hixiene menstrual
Nos últimos tempos, a oferta de produtos para a hixiene menstrual aumentou considerablemente. Aínda que a copa menstrual xa se comezou a producir industrialmente na década de 1930, non foi até o século XXI cando comezou a posicionarse coma unha alternativa real e competitiva para as compresas e tampóns. Alén das copas coma alternativa destes produtos máis tradicionais tamén xurdiron outras opcións máis sostibles coma as compresas reutilizables ou as bragas menstruais. Non obstante, a día de hoxe ningunha destas opcións respectuosas co medio ambiente, a excepción da copa menstrual, se pode atopar nun supermercado ou nunha farmacia.
"Actualmente estamos realizando un laboratorio, tanto para saber se as copas son unha solución real como se as copas que eliximos son as mellores para os nosos xefes. Se as copas serán a solución elixida ou non é algo que teremos que ir vendo. Serán os xefes os que decidan se as copas substitúen ou non a outros métodos (compresas, tampóns, etcétera)"
Voceiro de Mercadona
infografía prezos Facua
Non obstante, a diferenza de dispoñibilidade e de prezos tan variábel non é o único problema das compresas e tampóns. Segundo o país, o IVE que afecta unica e exclusivamente ás persoas menstruantes varía tanto que pode ser do 0% ou pode ser a mesma porcentaxe que se aplica ás xoias, o tabaco ou o viño.
Estas grandes cantidades de diñeiro que move a industria dos produtos da hixiene menstrual vense, en parte, minguadas pola aparición das alternativas sostibles mencionadas, que se venden habitualmente a través das súas páxinas web. Unha copa menstrual da marca Intimina pode durar até 10 anos por un prezo de menos de 25€. No caso das bragas menstruais da marca Cocoro, por menos de 23€ estas bragas soportarán até 60 lavados, aproximadamente dous anos, despois dos cales perden capacidade de absorción mais poden seguir sendo utilizadas coma roupa interior habitual.
"Nós comezamos en 2016 cunha campaña de crowdfunding que recadou case 170.000€ cando pediamos 26.500€. Foi un éxito de participación rotundo que demostrou que hai moito interese polo produto. Ademais, comezamos a vender en abril de 2017 a través da tenda online e nun ano dobramos as vendas"
Clara Guasch (Cocoro)
O problema desta industria é que resulta imposíbel contabilizar até que punto estas alternativas son unha verdadeira competencia para as compresas e os tampóns tradicionais. En 1983, César Lumbreras publicaba unha noticia na que ofrecía datos do propio sector estimando uns 10.000 millóns de vendas totais de compresas, tampóns e salvaslips. Por desgraza, non foi posíbel actualizar estes datos debido a que P&G, a multinacional dona de Evax, Tampax e Ausonia, non accedeu a colaborar nesta reportaxe. Outras multinacionais do sector tamén foron contactadas e non deron resposta.
Por outra banda, Lumbreras, ofrecía unha declaración que explicaba o funcionamento desta industria: "a Administración non ten ningún dato sobre produción nin sobre comercio exterior, xa que tanto as importacións coma as exportacións están englobadas en varias partidas arancelarias á vez, xunto con outros produtos. Por esta razón, hai que utilizar os datos proporcionados polos distintos fabricantes e distribuidores, baseados nos estudos feitos por unha empresa especializada, que só controla entre o 60% e o 70% do total do mercado, aos que aplica os seus propios índices correctores en función dos seus intereses".
A día de hoxe, máis de 30 anos despois desa noticia, o Instituto Nacional de Estatística (INE) non ten ningún estudo relacionado con este tema, como tampouco o teñen a Organización de Consumidores y Usuarios (OCU) nin a Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios (Aemps). Segundo declaracións de representates do Instituto Galego de Estatística (IGE), que tamén carece de datos acerca dos produtos de hixiene menstrual, "a Lei de Estatística de Galicia estabelece o marco xurídico destinado a coordinar as distintas institucións públicas galegas co fin de integrar e harmonizar a elaboración de estatísticas que se reflectirán nos plans estatísticos e nos programas anuais. Nos programas anuais aprobados en Galicia non aparece ningunha operación ou actividade estatística que teña en consideración estes temas".
En setembro de 2018, Ana Requena Aguilar informaba da decisión de Escocia de subministrar gratis compresas e tampóns a unhas 400.000 nenas e adolescentes que sofren pobreza menstrual, é dicir, que presentan dificultades para pagar os produtos de hixiene menstrual necesarios. Segundo a iniciativa Free Periods, unha de cada dez rapazas non pode acceder a produtos de hixiene menstrual no Reino Unido e estes produtos custaranlles 18.000 libras esterlinas a estas mulleres ao longo da súa vida, uns 20.110 euros.
Outra medida máis creativa para denunciar a pobreza menstrual en Alemaña así coma o excesivo IVE destes produtos é a iniciativa da empresa The Female Company. Neste país, os produtos menstruais están gravados cun IVE do 19%, a taxa máxima, a diferenza do caviar ou das trufas que están gravados cun IVE reducido do 7%. Por este motivo, esta startup puxo á venda na súa web unha edición de libros con tampóns orgánicos entre as súas páxinas, un truco legal que lles permite a venda de tampóns con ese IVE reducido.
A pobreza menstrual, á que se enfrontan persoas mensruantes de todas as idades, é "nun sentido amplo, a falta de materiais limpos para a absorción do sangue menstrual, a falta de acceso a espazos seguros onde poder cambiarse, a falta de xabón e auga para lavarse cando sexa preciso e o estigma e os tabús que hai arredor dela e a falta de información e educación sobre o tema", explican dende Menstruación Digna. A cuestión en España, que ten un Índice de Desenvolvemento Humano tres décimas por debaixo de Reino Unido, é que non existen estudos de pobreza menstrual. Segundo Belén Remacha, "o Ministerio de Sanidade e Consumo español confirma que aquí [a pobreza menstrual] non se analizou nunca: responden que, ao non tratarse de produtos sanitarios, as compresas, tampóns ou copas non están cubertos polo Sistema Nacional de Saúde".
Os anticonceptivos hormonais
Créditos: Quérote+
O ciclo menstrual divídese en dúas fases, a folicular e a lútea, nas que interveñen diferentes hormonas con diferentes funcións e efectos nos corpos cíclicos das persoas menstruantes. A fase folicular, á súa vez, está dividida en dúas: a fase menstrual, a que dá comezo ao ciclo e na que se produce o sangrado, e a fase preovulatoria. Nesta segunda subfase intervén o estradiol -un tipo de estróxenos-, polo que se produce na persoa sensación de autonomía e independencia xunto cunha enerxía elevada. Por outra banda, a fase lútea tamén se divide en dúas fases: a fase ovulatoria e a fase premenstrual, a que dá fin ao ciclo. Na fase ovulatoria, entra en xogo a proxesterona que, xunto cos estróxenos, xera no corpo cíclico un comportamento máis sociable, alta autoestima e certa deshinibición sexual. Por último, na fase premenstrual predomina a proxesterona, coñecida como a hormona relaxante polos seus efectos de sedación. Nesta última fase o corpo experimenta calma e placidez pero tamén somnolencia durante o día.
O problema con esta última fase está na denominada, na cultura occidental, coma Síndrome Pre Menstrual (SPM). Esta síndrome aparece con diferentes síntomas tanto físicos (dor de cabeza, fatiga, sensibilidade nas mamas...) coma emocionais (irritabilidade, cambios de humor, tristeza...). Non obstante, esta síndrome "non é un trazo propio da fase premenstrual, é un síntoma de que algo necesita ser revisado e cambiado. O comportamento inflúe nas nosas hormonas e as nosas hormonas no comportamento", explica a pedagoga menstrual Erika Irusta.
"Moitas fuximos do estado no que nos deixa a proxesterona porque non se corresponde coas demandas sociais. Se estamos máis lentas e suaves tomamos 20 cafés e listo. Isto aumenta o estrés e con el, os niveis de estróxenos, que son as hormonas que nos dan locuacidade, chispa, atractivo, resolución. Si, estamos enganchadas aos estróxenos. A sociedade, de feito, por contaminación ambiental está hiperestroxenada (cosméticos, peixe, carne de animais hormonados, entre outros)"
Erika Irusta
"Vivimos nun mundo que produce estróxenos a mansalva, ben sexa en estilos de vida, alimentación, relacións sociais e afectivas, etcétera. Cando o noso corpo cíclico non pode soster este nivel de estróxenos do mundo exterior aparecen os problemas. Por exemplo, altos niveis de estrés conducen a desequilibrios hormonais que se traducen en problemas menstruais como a amenorrea ou a dismenorrea e é simplemente porque non paramos cando o noso corpo o precisa, pero tampouco nos deixan parar"
No caso dos anticonceptivos hormonais como a píldora, o DIU Mirena, o implante subcutáneo ou o anel vaxinal, introdúcense hormonas sintéticas para impedir o proceso cíclico da menstruación simulando o primeiro trimestre de embarazo, eliminando así a ovulación e, polo tanto, a menstruación. "No caso da píldora, as máis habituais son as que combinan os estróxenos e a proxestina, e, ao haber unha semana de placebo, o que se produce é un sangrado residual ou por deprivación, pero non é unha menstruación como tal. No caso doutros anticonceptivos hormonais coma o implante subcutáneo só se utiliza a proxestina e, ao estar continuamente no corpo, esta deprivación de hormonas non se produce, polo que habitualmente tampouco se produce o sangrado" explica Isabel Abel, presidenta da Asociación Galega de Matronas.
O problema é que o sistema endócrino do corpo humano, o que se encarga das hormonas, é moi sensíbel. As cantidades que segrega o propio corpo están calculadas segundo os niveis necesarios para o mesmo, polo que as fórmulas xenéricas coas mesmas cantidades de hormonas para todas as mulleres provocan unha serie de efectos secundarios que afectan tanto a nivel físico coma psicolóxico. Tal e como explican dende a Clínica Silvia Molins "[a píldora] debe ser un tratamento e traballo multidisciplinar. Dala por sistema é un erro". Segundo a Enquisa Nacional de 2018 sobre a Anticoncepción en España da Sociedade Española de Contracepción, o 72'1% das mulleres españolas en idade fértil utiliza actualmente algún método anticonceptivo e a súa elección baséase nun 38'1% no consello do persoal sanitario coma xinecólogas, médicas de familia ou matronas.
Ademais, a proxestina presente nos anticonceptivos hormonais non é similar á proxesterona, polo que non ten os efectos calmantes e relaxantes desta, senón que se semella máis á testosterona. "As proxestinas en xeral desactivan as hormonas naturais, suprimen a ovulación e sen ovulación non hai proxesterona. Necesitamos a proxesterona para a saúde mental, o estado de ánimo, cognición, saúde do cabelo... Ademais, ao non ter o efecto calmante podería explicarse por que causan ansiedade e alteran a forma do cerebro", alertan dende a Clínica Silvia Molins. Non obstante, a pesar dos efectos secundarios xa mencionados, séguense a receitar anticonceptivos hormonais ante calquera problema relacionado coa saúde menstrual: dismenorrea (dor durante a menstruación), amenorrea (falta de menstruación), Síndrome de Ovarios Poliquísticos, sangrado abundante, endometriose... Na Clínica explican que "os anticonceptivos hormonais dan diñeiro e aforran diñeiro das probas necesarias para chegar a un diagnóstico. É máis fácil que lle contes os teus síntomas ao médico e que che receite (algo) que abordar o problema en cuestión".
As apps de control de ciclo
Na primeira metade do século XXI pódese observar unha tendencia cada vez maior cara o Quantified Self, un termo acuñado por Gary Wolf e Kevin Kelly. O Quantified Self significa levar un rexistro dos nosos hábitos máis cotiáns para desenvolver un pleno autocoñecemento. Isto pode ser aplicado aos nosos hábitos de movemento ou de comida pero tamén á nosa contorna, rexistrando continuamente os niveis de humidade ou temperatura. Esta é a idea que seguen moitas das aplicacións para móbiles na categoría de saúde ou estilo de vida nas apps stores, entre elas, as apps de control de ciclos menstruais.
"Máis que un instrumento de autocoñecemento para quen menstrúa [as apps] poden ser tamén un negocio prometedor para startups e empresas. Ademais de informar da data da próxima menstruación, os datos das usuarias tamén se utilizan para facer anuncios publicitarios dirixidos, compartir esas informacións con outras empresas e institutos de investigación ou vender produtos complementarios"
Natasha Felizi e Joana Varon
(Coding Rights)
"A cantidade de datos recadados por estas apps posibilitaron a cuantificación dos corpos das mulleres a grande escala"
Nunha investigación de Natasha Felizi e Joana Varon analízanse varias das apps máis descargadas. HVF Labs, a empresa creadora da app Glow, ten como obxectivo o aproveitamento do potencial de sensores de baixo custe para colectar e explorar datos comercializables e con valor de mercado. Na súa política de privacidade, Glow estabelece que a empresa pode decidir compartir con terceiros as informacións recollidas polas aplicacións, que estes datos poden non ser borrados aínda que deixes de utilizar os seus servizos e que nalgúns casos os datos serán anonimizados, mais non sempre. No caso de MyCalendar, esta app de control menstrual pide acceso ás contas no teu dispositivo, fotos, multimedia, arquivos e completo acceso a conexións de rede. Aínda que a súa política de privacidade afirma que non ten acceso aos teus datos persoais e non é preciso crearse unha conta para usalo, si pide acceso ao teu correo electrónico e ofrece propagandas relevantes para ti, baseadas no teu historial de navegación.
Pero este Quantified Self aplicado ao ciclo non se limita só a saber cando vai ter lugar a próxima menstruación ou os próximos días máis fértiles. En 2016, desenvolveuse unha campaña de financiamento para un proxecto de Loon Lab: a Looncup, unha copa menstrual conectada con dispositivos Android e iOS a través dun sistema Bluetooth que permite seguir dende o móbil a cor do fluxo e saber cando é o momento de baleirar e volver a colocar a copa.
O 22 de febreiro de 2019, Sam Schechner publicaba como o software de Facebook obtiña datos de varias aplicacións, inclusive se a persoa usuaria da app non era membro desta rede social. Cunha infografía, explicaba como Facebook sabía a data da túa ovulación: "primeiro unha usuaria abre Flo Period&Ovulation Tracker e introduce a data da súa última menstruación. Logo, o software de Facebook nesa app rexistra esa acción e envía a Facebook un evento de aplicación personalizado. Por último, Facebook permite aos seus programadores usar os seus propios eventos personalizados para dirixir os anuncios e habitualmente pode facer coincidir os datos extraídos de Flo cos usuarios reais que ten".
A investigación con células nai
A pesar do que din os prexuízos, o sangue menstrual non é sucio nin antihixiénico (tampouco azul como se ve na publicidade). Investigacións recentes mostran a eficiencia das células presentes no endometrio no tratamento de enfermidades debido á súa capacidade de rexeneración do mesmo. É dicir, o sangue menstrual non só non é sucio senón que ademais podería salvar vidas.
"O concepto de que a rexeneración endometrial debe estar mediada polas células nai somáticas localizadas na capa basal do tecido endometrial foi xa proposto por primeira vez por Prianishnikov en 1978"
En 2017 a revista Actualidad Médica publicaba un estudo de Gonzalo Lendínez Sánchez sobre as aplicacións clínicas e terapéuticas das células nai endometriais. Nel se explica que estas células presentan certas vantaxes fronte ás células nai da medula ósea, aínda que as aplicacións non foron completamente descritas. Segundo o estudo, esta falta de investigación débese ao seu recente descubrimento, a pesar de que xa no ano 2004 Gargett e os seus colaboradores descubriron unha poboación de células nai presentes no endometrio.
Por outra banda, este estudo de Lendínez, presentaba unha revisión de 32 artigos científicos e estabelecíanse as principais conclusións dos mesmos, entre elas, que as aplicacións en modelos animais e humanos realizadas mostraron resultados satisfactorios en enfermidades como a insuficiencia ovárica, Párkinson, diabetes tipo I, enfermidade de Duchenne, infartos ou insuficiencias cardíacas, esclerose múltiple, encefalomielite autoinmne e colitis ulcerosa.
De igual xeito, Irene Cervelló Alcaraz recoñecía a presenza destas células nai no endometrio na súa tese doutoral. Nela, afirmaba que, a pesar de non existir marcadores de indiferenciación para estas células, o modelo animal que desenvolveron permitía identificar tanto a existencia destas como a súa localización concreta no endometrio. Ademais, esta investigación facía fincapé na posibilidade de que estas células nai foran as responsábeis de alteracións xinecolóxicas como a endometriose ou a adenomiose. Cervelló afirma na súa tese que o estudo destas células nai podería supoñer un gran avance no tratamento destas enfermidades ou no estudo de outras coma o cancro, cuxas células compórtanse de xeito similar. Por último, suporían un gran avance na enxeñaría de tecidos, isto é, os trasplantes, porque evitarían o rexeitamento e permitirían restaurar as funcións de órganos e tecidos.
Máis información
Non obstante, a pesar dos beneficios sociais que suporía unha investigación deste calibre, tamén entra en xogo certo beneficio económico como nos demais casos. Aberto en 1989, Cyro-Cell é o primeiro banco no mundo que almacena o sangue do cordón umbilical mediante a criopreservación nai para un uso familiar. Recentemente, engadiron ás súas funcións o almacenamento das células nai do sangue menstrual debido ás súas capacidades rexenerativas similares ás presentes no cordón umbilical ou na medula ósea.
Aínda que na súa páxina web o prezo deste servizo de almacenamento do sangue menstrual non aparece, si que se poden consultar os prezos da recolección e almacenamento do cordón umbilical. No caso de querer almacenar tanto o sangue coma o tecido do cordón, os servizos de procesamento e mensaxería médica, o kit de recolección, as probas de sangue materna e do bebé e o primeiro ano de almacenamento no banco, o custe ascendería a 3.170€. Despois do primeiro ano, a cota anual de almacenamento ten un custe de 350€, podendo adquirir un plan de almacenamento por 21 anos que tería un custe de até 7.350€.